Facer

14. Rinlo

Aínda que dende hai séculos é unha localidade mariñeira, algún dos emigrantes que fixeron fortuna tamén deixaron a súa pegada en Rinlo, pois custearon a compra do soar onde foi erixida a igrexa parroquial (Pedro Murias foi un deles) e financiaron a construción da escola local. En canto a inmobles privados, cabe destacar dous.

Casa de don Inocencio

É a icona arquitectónica de Rinlo. Foi ordenada levantar en 1912 por Inocencio Aguiar López. A estrutura do edificio reúne as características básicas do estilo indiano, cunha extensa superficie construída, 280 metros cadrados, tres plantas e un baixo cuberta, ou ático. Ademais, dispón de miradoiro e dun paseo por enriba do tellado.

O exterior da Casa de don Inocencio abrangue 360 metros cadrados, que albergan dous garaxes, un lavadoiro, un pozo e un hórreo. No seu día, o complexo incluía unha vivenda de 50 metros cadrados que servía de residencia aos traballadores do servizo.

Por ser o punto máis elevado de Rinlo e estar situado nas proximidades da liña de costa, o miradoiro da Casa de don Inocencio foi utilizado como faro, o primeiro desa zona de litoral, sendo o primeiro faro do Cantábrico instalado nun inmoble privado e, por ende, custeado polo propietario do edificio. Á morte de Inocencio Aguiar, o herdeiro decidiu desmantelar o sinal marítimo debido ao elevado custo de mantemento, pero os mariñeiros rinleros lograron que a Deputación de Lugo asumise os gastos derivados do consumo de electricidade e o faro seguiu en uso.

Casa de Rinlo

Este inmoble, construído na década de 1910, é de sólida estrutura e está composto dun semisotado, planta baixa e dúas ás. Destacan as súas ventás, que locen un arco rebaixado e moldurado que dá alegría a un inmoble visualmente anódino pola súa robustez.

Compartir: