Planifica

Rutas próximas

A Mariña lucense. O tesouro oculto de Galicia

Mariña Lucense

A Mariña Lucense abarca os máis de 60 quilómetros de costa que ten a provincia de Lugo e se estende dende a ría de Ribadeo, na fronteira con Asturias, ata a ría do Vicedo límite coa Coruña. Durante a túa ruta pola Mariña poderás descubrir algúns dos tesouros ocultos de Galicia; bosques que se confunden co mar, serras sombrías e misteriosas, praias espectaculares, centenarias vilas pesqueiras, capitais do antigo Reino de Galicia, basílicas prerrománicas, castros celtas ou pioneiros complexos industriais fan único un territorio aínda por explorar.

Se es amante do patrimonio cultural a basílica de san Martiño de Mondoñedo, a catedral máis antiga de España, o convento de san Salvador de Lourenzá un dos mellores conventos barrocos de Galicia, convértense en visitas obrigadas, sen esquecer, como non, a inexpugnable fortaleza de Pardo de Cela de Alfoz,  ou a perenne porta de Carlos V en Viveiro, recursos monumentais moi significativos.

Se desfrutas adentrándote na natureza a Mariña é un enclave único pola súa riqueza paisaxística,  biolóxica e xeomorfolóxica. Así atoparás lugares como a praia das Catedrais e o Souto da Retorta coa consideración de Monumentos Naturais e moitas outras zonas naturais protexidas que van desde o río Landro ata Monte Maior pasando polo Río Ouro, a Ría de Foz-Masma, o Río Eo e o bosque de Carballido. Singular mención merecen as súas dúas Resevas da Biosfera, a de Terras do Miño e a de Río Eo, Oscos e Terras de Burón.


Unha boa combinación entre ambos atoparala sen dúbida nos seus dous tesouros máis ocultos, a Serra do Xistral, terra de turbeiras e cabalos salvaxes e a monumental cidade de Mondoñedo, antiga sede episcopal cunha fermosa catedral do século XIII.

Se o que buscas é unha boa oferta expositiva e museística o Museo Histórico de Sargadelos en Cervo, o Barco Museo-Boniteiro "Reina del Carmen" de Burela, o Museo do Mar de San Cibrao e o Museo de Arte Sacra de Vilanova de Lourenzá son a túa alternativa.

Oscos –Eo. A comarca cincelada a golpe de auga, bosques, pedra e lume.

Se estás en Ribadeo durante varios días, sen dúbida, unha das visitas obrigadas, é a comarca de Oscos-Eo. Esta comarca está ubicada no extremo sur-occidental do Principado de Asturias, zona limítrofe con Galicia.

Recibe o seu nome do río Eo na zona dos Oscos. Un territorio de contrastes que se estende desde a Ría de Ribadeo, límite natural entre Galicia e Asturias, con Castropol, San Tirso de Abres e Vegadeo nas súas marxes;  ata os Oscos, zona claramente definida dentro da comarca, formada polos concellos de Villanueva de Oscos, Santa Eulalia de Oscos e San Martín de Oscos, onde Taramundi, un dos concellos máis famosos, serve de transición entre ambos. 

Esta zona soubo conservar intactas as súas formas de vida tradicionais. Nelas están presentes todos os elementos que unen as culturas astur e galaica, como son a lingua, a gastronomía, a arquitectura popular, os costumes e os ritos.

Un espazo que ofrece múltiples contrapuntos, dende unha natureza prácticamente intocada de sorprendentes ríos, regatos e fervenzas, e magníficas praias, de frondosos bosques de carballos, castiñeiros, bidueiros, aveleiras, salgueiros etc…para perderse. Ata un patrimonio cultural e etnográfico que reflicte, aínda hoxe en día, unha forma de vida única e tradicional. Onde as súas casas, cortes, palleiros, hórreos, pombais, muíños son xoias constructivas da arquitectura tradicional e as súas ferrerías, mazos e fraguas fálannos dunha cultura ligada ao traballo preindustrial do ferro, que aínda pervive na moderna artesanía da navalla. 

Unha das mellores maneiras de coñecer esta comarca é percorrerla a través dos seus carreiros, unha rede de rutas e camiños que nos permitirán desfrutar de recunchos inesquecibles. 

De igual maneira poderás descubrir os seus sete municipios, en calquera outro medio de transporte, visitándoos un a un desde o mar ata a montaña, ou viceversa.

  • CASTROPOL 
  • SAN MARTÍN DE OSCOS
  • SAN TIRSO DE ABRES 
  • SANTA EULALIA DE OSCOS 
  • TARAMUNDI 
  • VEGADEO 
  • VILLANUEVA DE OSCOS 

Compartir: