Ruta dos Montes
A ruta dos Montes transcorre dende Ove ata Remourelle, cruzando as cimas dos montes que forman a primeira barreira montañosa sobre a costa. O traxecto permite gozar de vistas privilexiadas da ría de Ribadeo, así como da costa dos municipios de Ribadeo, Barreiros e Foz.
Ademais dos miradoiros de Santa Cruz, A Coroa e Comado, a ruta pasa polas proximidades das mámoas de Penalonga. Nesta zona abunda a caza e existen cabalos en liberdade. A zona de Remourelle mantén unha boa representación do mato de toxo e breixo que constitúe a vexetación natural destas cimeiras.
A ruta é de dificultade media, se se sae de Ove, e baixa, no caso de saír dende Remourelle. A cota máxima, próxima a 500m., encóntrase na zona de Penalonga (Remourelle). Dada a súa lonxitude, recoméndase deixar un vehículo ao final do percorrido.
Esta ruta é practicable en bicicleta ou a cabalo. Existen establecementos de hostalaría e áreas de descanso con mesas e auga en Remourelle e no miradoiro de Santa Cruz (Ove).