Facer

O Concello presentará a vindeira semana na Casa de Galicia, en Madrid, a súa nova campaña de promoción turística: #Ribadeoxqsí

23-01-2015

Ribadeo, 21 de xaneiro de 2015. #Ribadeoxqsí é o slogan da campaña de promoción turística que o Concello presentará en Madrid coincidindo coa Feira Internacional de Turismo, que dará comezo o vindeiro mércores, 28 de xaneiro.

Na Casa de Galicia terá lugar o acto principal o día 29 ás 20 horas. Alí presentarase a páxina web de Turismo, o novo vídeo de promoción de Ribadeo e a campaña coa que Ribadeo se presenta vivo na rede. Ana Martínez, a concelleira de Turismo, sinala que “aproveitando o tirón mediático no que se atopa na actualidade inmerso Ribadeo, e con motivo da celebración dunha das feiras máis importantes a nivel mundial: Fitur 2015, Ribadeo presentarase ao mundo coma destino turístico con entidade propia e firme, un destino moderno, dinámico e actual, pero sempre tendo en conta a súa tradición e o seu forte vínculo co mar coma potencia comercio-martítima que foi”.

O acto estará aberto a todo o público que queira asistir a esta posta de largo de #Ribadeoxqsí, “ademais de a ribadenses que viven en Madrid, a empresarios vinculados con esta terra, a xornalistas, a amantes de Ribadeo”. Os asistentes terán a oportunidade de participar nun photocall para despois compartilo nas redes sociais. Establecementos hostaleiros de Ribadeo, Casa Pepe, La Solana e O Cabazo, serán os encargados de ofrecer un pequeno cóctel aos invitados no hall da Casa de Galicia. Ana Martínez explica que “durante ese photocall os invitados poderán sacarse fotos posando con imaxes típicas de Ribadeo e que representen o Ribadeo natural, cultural, vivo e próximo”.

A delegación do Concello de Ribadeo, que viaxará a vindeira semana a Madrid, estará en Fitur os días 28, 29 e 30 mantendo xuntanzas, entre outros, “con compañías que operan nos aeroportos de Avilés e A Coruña, os máis próximos a nós, para coñecer con qué turoperadores traballan e así ofrecerlles Ribadeo como destino a visitar. Por primeira vez,  a delegación de Turismo do Concello de Ribadeo estará presente en Fitur cunha axenda de traballo temos planificadas diferentes reunións con  distintas empresas e organizacións que permitan mellorar a competitividade do destino de Ribadeo así como promover o turismo de proximidade e de grupos. Tamén acompañaremos aos empresarios de Ribadeo que acudan a esta cita nas primeiras reunións de traballo que manteñan na feira, co obxectivo de axudarlles a conseguir efectividade e resultados comerciais favorables para os seus establecementos”.

Compartir: