Facer

Estrondo turístico no 2014

02-01-2015

O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance moi positivo dos datos turísticos que acadou o concello no ano que rematou. No 2014 pasaron pola praia das Catedrais máis de 540.000 persoas e preto de 95.000 solicitaron información nas oficinas de turismo dese areal e da vila. O obxectivo para o recen estreado 2015 é "seguir construíndo, seguir mellorando e facendo de Ribadeo un lugar con identidade propia". O rexedor tamén subliñou que a presenza de peregrinos no Camiño Norte ao seu paso por Ribadeo medrou un 9% e acadou cifras históricas: máis de 13.000 persoas realizaron esa ruta.

Suárez Barcia dixo que "facemos balance do 2014 dende o punto de vista do turismo, pero tamén tendo todos estes datos como obxectivos para 2015, para a partir de aquí seguir construíndo, seguir mellorando e seguir facendo de Ribadeo un lugar no mundo con identidade propia e un lugar que sega a brillar con luz propia no turismo. Segundo os datos de todo o resumo deste ano 2014, un total de 95.000 persoas, concretamente 94.790, foron atendidas nas Oficinas de Turismo, tanto na de aquí da vila de Ribadeo que está todo o ano aberta, coma na do Punto de Información Turística de As Catedrais, que está aberta durante unha parte do ano, na época estival e nas fins de semana tanto na primavera, como no outono. En total pasaron 40.000 persoas pola da vila e 54.700 pola das Catedrais. Practicamente son cifras similares ás rexistradas nas Oficinas de Turismo de Santiago de Compostela no mesmo período de tempo. É dicir, que nós sendo un lugar moi pequeniño, con 10.000 habitantes, estamos competindo nestes últimos anos con auténticas cidades referentes internacionais de recepción de turistas".

O alcalde ribadense considera que "hai que ter en conta que a media de atención de persoas na vila foron nos momentos álxidos de 470 ao día, chegando nunha xornada a atenderse a practicamente 700. Pero se temos en conta o Punto de Información Turístico de As Catedrais, a media de atención de persoas pedindo información turística foi de 905, chegando en momentos punta a 1.647 persoas. Dende logo, estatisticamente, o que ten que ver coa praia de As Catedrais xa sabemos que é un fenómeno de masas, pero se calculamos que un 10% do total da xente que baixa alí ao areal é a que pide información, podemos facer unha estimación total de visitantes da praia dunhas 540.700 persoas que baixaron a este areal durante 2014".

Fernando Suárez indicou que "ademais, todo isto repercute  nunha ocupación hoteleira moi importante. En temporada alta moveuse esta ocupación entre un 85% e un 100%. Hai que ter en conta que Ribadeo ten máis de 1.500 prazas de hoteis, hostais e aloxamentos, e polo tanto é un punto moi importante para seguir sumando xente que siga vindo e gozando da calidade do que os nosos hostaleiros están a traballar arreo. E tamén hai que ter en conta que un porcentaxe maioritario segue a ser o turismo de ámbito estatal procedente de Madrid, de Cataluña, de Galicia, de Castela e León e do País Vasco, por orde de número de visitantes, pero tamén hai que salientar que un 10% de visitantes corresponde a xente do estranxeiro, singularmente franceses, alemáns e ingleses. E ademais, como algo revelador, é importante o número de peregrinos que nos visitaron neste ano 2014, facendo do Camiño Norte unha auténtica alternativa ao Camiño Francés, dado que se incrementou un 9% con respecto ao ano anterior e acadou cifras históricas para un ano que non é ano Xacobeo". Máis de 13.500 peregrinos percorreron o Camiño Norte aoseu paso por Ribadeo.

Para o rexedor "todo istofai que esteamos nun moi bo punto de partida para este ano 2015 que entra e no que estou convencido de que dende o punto de vista do turismo Ribadeo, o seu casco vello, Rinlo, As Catedrais e o sector servizos darán  moito de que falar. Moita xente de todo o mundo virá vernos, a degustar a nosa gastronomía e a coñecer as nosas marabillosas paisaxes".

Compartir: