Facer

Ribadeo de Tapeo 2019

10-05-2019

Un ano máis o Concello de Ribadeo organiza o “Ribadeo de Tapeo”.Na súa décimo cuarta edición, este decano dos fogóns, terá lugar do 11 ao 19 de maio. Un dos nosos mellores escaparates gastronómicos no que 45 establecementos hostaleiros do municipio poderán ofrecer os seus petiscos elaborados cos mellores produtos galegos.

Ribadeo de Tapeo 2019

Unha nova entrega gastronómica, onde como se de pos máxicos se tratara, os/as nosos/as cociñeiros/as dosifican sabiamente, nos seus fogóns, os ingredientes necesarios, baixo a aparencia de pequenos petiscos, para espertar apetitos ocultos. Aínda que non sempre temos a man os ingredientes da felicidade, en Ribadeo as nosas tapas teñen o poder de cegar polos seus sabores e texturas. Aquí, a alegría, o desexo ou a ilusión á hora de preparalas, contáxianse irremediablemente a todos/as aqueles/as que as proban. Co xa ven sendo costume nos últimos anos, repetimos formato de selección dos PREMIOS DO XURADO PROFESIONAL. Desta maneira concorrerán só os establecementos que o desexen, un total de 16. Para os que voluntariamente se presenten, a organización convocará a mostrar nun único local a súa tapa. Esta selección celebrarase o luns 20 de maio no Hotel Restaurante o Voar, cun xurado profesional formado por cociñeiros/as e expertos/as gastronómicos de renome entre os que se inclúen:

  • Bruno Lombán É, sen dúbida, un buscador de soños, dinámico e tenaz. Bruno atopouse cos fogóns practicamente por casualidade durante a súa etapa universitaria, mentres estudaba Xeoloxía na Universidade de Oviedo. O que comezou como un coqueteo xuvenil terminou por converterse nunha revelación: a dunha auténtica vocación. Os seus pratos reflicten de maneira fiel o que el tende a chamar a ‘filosofía Lombán’, que aúna gran naturalidade, frescura e innovación pero tamén recordos e raíces. Bruno foi finalista en numerosos campionatos de petiscos e minicociña e renova periodicamente a súa carta en busca de novos sabores e experiencias degustativas.
  • Alvaro Villasante, integrante do grupo nove, ten unha ampla traxectoria profesional desenvolta dacabalo entre Lugo e Lleida, Tenerife, Miami e Barcelona, onde tivo a oportunidade de traballar con grandes da cociña como Sergi Arola e Anxo Palacios en “A Broche” (Miami), as aspiracións de Álvaro levárono a abrir o seu propio establecemento na cidade das murallas no ano 2007.
  • Manicha Rotilio, alma mater do restaurante La Taberna de Rotilio, en Sanxenxo, recibiu o premio Picadillo 2017 á mellor labor nos fogóns que promove a organización do Fórum Gastronómico
  • Toñi Vicente,referente da muller na cociña galega Despois dos seus primeiros pasos no restaurante familiar, formouse en Francia co cociñeiro Michel Guérard. En 1982, abriu en Vigo o restaurante Síbaris, que lle deu ampla sona, e que colleitou a segunda estrela Michelin da historia de Galicia para unha cociñeira en 1989. Dirixiu e presentou o programa gastronómico da TVG Artesa. En 1992 abriu en Santiago de Compostela o restaurante Toñi Vicente, que recibe a estrela Michelín en 1993, galardón que mantivo ata o ano 2008. En 1997 recibe o Premio Nacional de Gastronomía.
  • Miguel Ángel Sánchez e Ana Martínez docentes e profesionais da hostalaría. Colaboradores habituais des evento.

Ademais., como cada ano o gran protagonista, xunto cos hostaleiros, será o público participante que co seu voto a través das tarxetiñas que se depositan nos establecementos, decidirán a tapa gañadora entre o total dos establecementos que concorran, ao igual que o premio á mellor barra. Os nosos larpeiros/as terán a posibilidade de gañar máis dunha véntena de premios entre os que se atopan ceas, menús degustación, cesta de viños do país etc....doados polos diferentes establecementos colaboradores que estarán identificados no libriño. Para conseguilos deberan percorrer diferentes establecementos das 4 rutas sinaladas.        

O prezo da tapa será de 1,50 euros por petisco.
 
Un ano máis, este concurso de tapas será gastroaccesible, é dicir unha decena de locais contarán con tapas aptas para celíacos e para vexetarianos. E co obxecto de garantir e asesorar aos participantes na presentación e elaboración de tapas sen glute, a organización colaborou coa Asociación de Celíacos de Galicia.  

Outro dos incondicionais deste evento, é Soños Gastronómicos, onde 9 dos nosos aloxamentos ofrecerán importantes descontos nas pernoctas para converter esta cita culinaria nunha ocasión ideal para coñecer Ribadeo, e poder gozar dunha boa escapada gastronómica en Ribadeo.  

Novamente, poderemos desfrutar das nosas Sobremesas Culturais que veñen cargadiñas de actividades. Contaremos, concertos como o da Banda de Música Municipal que renden homenaxe ao día das letras galegas, a Banda de gaitas Sons da Chaira, a banda da LobaThe Goodmen ou The ken song complentaran a oferta musical. Outra das actividades culturais que completan estas sobremesas son as visitas guiadas ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes da Ponte, a  cargo do obradoiro de emprego Ribadeo no Camiño.

Tamén de novo o xoves 16 de maio, contaremos coa II GastroXincana, un xogo por equipos onde a diversión está asegurada, onde probas de habilidade e coñecemento conxugaranse nun cóctel perfecto. Poderán apuntarse no correo gastroxincanaribadeo@gmail.com, onde deberan indicar o número e nome dos/das participantes, un número de teléfono ou correo de contacto.    

Xa para rematar e como en edicións anteriores, a celebración do concurso darase a coñecer nos medios de comunicación con campañas publicitarias, carteis e folletos; a través da nova web do Ribadeo de tapeo (http://tapeo.ribadeo.gal) e da aplicación móbil RibadeoGastronómico ou Ribadeo de Tapeo, e a maiores este concurso estará integrado noutra aplicación que recolle os principais concursos gastronómicos de Galicia “Quedamos de Tapas”. A app estará en funcionamento a partires do sábado co inicio do tapeo.    

Aproveitar para agradecer á hostalería de Ribadeo pola súa participación no concurso, porque sen eles sería imposible facer tal evento, así como os agasallos que doaron para os premios que se repartirán entre o publico premiado. Tamén ao establecemento Hotel Restaurante O Voar pola súa dispoñibilidade como establecemento colaborar non participante.

Compartir: