Facer

PORCILLÁN CHEGARON MÁIS DE 200 EMBARCACIÓNS EN AGOSTO

Balance do verán

25-09-2017

Balance do verán

Un total de 65.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo municipais en Ribadeo e As Catedrais durante o verán. No que vai de ano, de xaneiro ao 31 de agosto, achegáronse a estes puntos de información 92.000 persoas, case vinte mil máis que o ano pasado. Para a concelleira de Turismo, Ana Martínez, isto confirma que Ribadeo é un destino durante practicamente todo o ano.

Ana Martínez declarou que "rematado o mes de agosto en Ribadeo aínda temos por diante as festas da patroa, a semana grande na que moita xente, sobre todo con vínculos familiares á nosa vila e ao concello, volta para gozar destas xornadas con todos nós. Aínda así tamén setembro e outubro seguen sendo nos últimos anos, meses importantes de certa afluencia turística, quizais un turismo diferente pero estamos percibindo que queda moita xente por visitarnos".

A concelleira nacionalista salientou que "estamos bastante satisfeitos dende o Concello porque en termos globais podemos resumir que durante estes meses se colgou, en practicamente todos os establecementos do noso concello, o cartel de completo. Esta afluencia de visitantes en certa medida vémola reflectida na praia de As Catedrais. Son moitos os que veñen a Ribadeo con esa referencia, e polo tanto debemos seguir traballando e coidando esa praia, que ademais é fonte de riqueza non soamente para o noso concello senón para toda A Mariña. Como todos os anos sigo demandando a necesidade de botar a andar ese plan especial no que desde o Concello estamos a traballar e a redactar para que, coa colaboración das administracións competentes, sexa unha realidade máis cedo que tarde".

Martínez subliñou que "os datos estivais son moi salientables e en certa medida un pouco superiores ao ano anterior. Pero se falamos do cómputo global do ano, nos visitantes que veñen ata o día de hoxe dende xaneiro, temos que dicir que o incremento é bastante importante, polo tanto reflexa que non soamente somos un destino de verán senón que nas fins de semana e outras datas vacacionais importantes do ano, a xente elixe Ribadeo. En canto a números temos que dicir que durante este verán foron 65.464 viaxeiros os que utilizaron e demandaron información nas nosas oficinas municipais. Madrid é o principal lugar de procedencia como nos últimos tempos, pero tamén cun incremento sobrepasando o 25% dos turistas que se achegan a Ribadeo, seguido de Cataluña, Euskadi, Castela-León e Andalucía". 

A edil ribadense dixo que "en canto a cómputo global do ano, no 2016 de xaneiro a finais de agosto foron 75.008 persoas as que demandaron información nas nosas instalacións, e no que levamos de ano son 92.848. Creo que é un incremento salientable e como digo non soamente ven vinculado ao incremento do verán senón ás visitas que estamos a recibir durante todo o ano e que ademais son máis os grupos que veñen organizados a Ribadeo. Desglosado por meses, no de agosto solicitaron información nas oficinas de turismo municipais, 35.444 persoas, que creo que é un número máis que salientable. Todo isto, sumando os meses de xullo e agosto, dá os 65.464 viaxeiros que utilizaron a información das oficinas municipais de Ribadeo".

A concelleira de Turismo comentou que "durante o mes de agosto, supoño que moita xente o puido ver, fixéronnos chegar a necesidade de acceder á praia de As Catedrais, e todos os días estivo o cupo cuberto, eses 4.802 pases que se poden retirar para acceder ao areal. A procedencia fundamentalmente é de dentro do territorio español, máis o menos o 90% é do territorio nacional, e como todos os anos as comunidades emisoras son Madrid, Cataluña, Euskadi, Castela-León, e incrementando tamén Andalucía e a comunidade valenciana. O punto de información turístico de As Catedrais ten un 86% de turismo nacional e polo tanto alí si se recibe unha porcentaxe un pouco maior de turismo internacional. Falamos dun 13´5% en As Catedrais, e dun 9´8% na oficina da vila. O número de nacionalidades é amplo, diverso e como todos os anos visítanos dende practicamente todos os puntos do mundo. Cada vez máis axencias promoven viaxes cara a Ribadeo, e o turismo organizado foi de 20 grupos no centro da vila, cun total de 885 persoas, e 29 grupos foron os que demandaron información na oficina de As Catedrais con 1.361 persoas". 

Ana Martínez lembrou que "este ano desde o Concello promovemos unha serie de visitas guiadas os martes e os xoves, nas que moita xente se apuntou para coñecer e disfrutar dese Ribadeo que en ocasións queda en certa medida esquecido como é o casco vello, a zona antiga, o Ribadeo dos comerciantes e o indiano, que como ben sabedes todos xa é tamén un referente para visitar Ribadeo. Sen esquecer as xeorutas que se organizan desde hai catro anos na praia de As Catedrais e que tamén son un punto importante para coñecer e gozar da praia quizais máis visitada do estado".

A edil tamén se referiu á importan presenza de peregrinos en Ribadeo: "os peregrinos tamén son un referente porque somos porta de entrada a Galicia dese o Camiño Norte, aínda que coa demanda como fago todos os anos dun albergue algo máis grande porque en ocasións vivimos unhas situacións en certa medida caóticas, xa que o propio albergue do Xacobeo na vila ten doce prazas e nós, que tivemos en obras durante o mes de xullo o albergue municipal de Vilela, que conta con 22 prazas, e que tamén estiveron ocupadas practicamente todos os días durante este mes de agosto".

A responsable de Turismo declarou que "o turismo que tamén chega aquí é o turismo en barco que recala no porto de Porcillán, e é atendido polo Real Club Náutico de Ribadeo, que tamén tivo un número importante de atraques. Foron 231 barcos os que transitaron por este porto durante o mes de agosto, a maioría deles un turismo estranxeiro que fundamentalmente chega de Francia, Inglaterra e Holanda". 

Ana Martínez quere mostrar o "agradecemento a todos cantos traballan durante todo o verán para que Ribadeo estea a funcionar dunha maneira organizada dentro do posible, a eses hostaleiros, a eses comerciantes, a eses traballadores municipais que en ocasións tampouco se ven, pero que están aí día a día desde o servizo de información turística, o servizo de limpeza, probablemente o seu traballo en ocasións non se recoñece, pero sen eles este verán Ribadeo sería moito máis complicado. Grazas a todos e a gozar destas festas da patroa que están a punto de comezar e que son un pouco o premio e a recompensa a un verán en certa medida magnífico".

Compartir: