Facer

E PIDE A CREACIÓN DUN PASEO PEONIL

As Catedrais

27-02-2015

O alcalde, Fernando Suárez, acudiu este mediodía ao encontro que mantiveron en Lugo representantes da Xunta, do goberno do Estado, da Deputación e do Concello para falar da praia das Catedrais. O rexedor considera necesario traballar en conxunto, pero di que non se poden adoptar medidas drásticas de súpeto para limitar o acceso ao areal en menos de 5.000 persoas por día en tempada alta. Barcia pide que se teñan en conta as alegacións que presentará o Concello.

As Catedrais

Suárez Barcia explicou que "acudimos a este novo encontro que mantivemos aquí en Lugo convidados pola Xunta, e onde estivo tamén o vicepresidente da Deputación e de representantes do goberno do Estado para poñer enriba da mesa todas as problemáticas que todos temos arredor das Catedrais. Sen dúbida penso que todo o mundo quere facer o mellor posible para este areal, aínda que ás veces os medios para chegar a tal fin poden ser discrepantes. Isto é un pouco como as reunións que está a ter estes días o goberno grego coa Troika, igual puideramos ser nós neste caso os máis pequenos, pero estamos máis cheos de razón como así lles transmitimos á plana maior da Xunta coa que estivemos en Lugo".

O alcalde ribadense indicou que "transmitímoslles as necesidades de traballar en conxunto, advertindo que non se poden adoptar decisións drásticas de súpeto. Todos estamos de acordo en que hai que regular, pero estas solucións un tanto ocorrentes non as vemos de todo correctas. Queremos que agora se teñan en conta as nosas alegacións, como non se tiveron na fase anterior, iso quixémolo deixar ben claro. Queremos que o noso comercio e a nosa hostalería non se vexan prexudicados por este sistema tan drástico de limitación, ao contrario. Estes últimos anos a hostalería e o sector servizos estanse a beneficiar e moito desta marabilla natural que temos".

Fernando Suárez seguiu a relatar: "queremos que desde Ribadeo se sigan a xestionar os fluxos turísticos e a información turística para que os visitantes cheguen a Ribadeo e de aí poidan ir á praia das Catedrais e que non se espallen por aí adiante. E ofrecemos compromiso sincero, tal e como llo puxemos de manifesto na petición de que queremos que persoal da Xunta tamén estea na comisión de selección da empresa que vai realizar o plan especial de protección das Catedrais, que sacamos a concurso onte. Pedimos que axilicen os prazos de tramitación deste documento e  a nosa petición de que se constrúa un paseo peonil pola beira da estrada da Deputación desde a rotonda actual ata a propia praia das Catedrais".

O rexedor subliñou que "terán absoluta e leal colaboración porque o queremos é que As Catedrais non morra de éxito senón que siga sendo coñecida internacionalmente, que siga sendo unha fonte de riqueza desde o punto de vista turístico e económico para a comarca da Mariña, pero singularmente, e non lle pode parecer mal a ninguén, queremos que siga a ser en Ribadeo e que os hostaleiros, comerciantes e o sector servizos se vexan beneficiados por esta marabilla da natureza que temos a sorte de ter. Si traballamos entre todos estou convencido de que chegaremos a un bo acordo".  

Compartir: