Facer

SUPORÁ A REALIZACIÓN DE DIVERSAS ACTIVIDADES NO LITORAL

Entre arcos e cantís

25-11-2016

Satisfacción nos Concellos de Ribadeo, Burela e Cedeira, que veñen de obter unha subvención do Galp A Mariña-Ortegal para a posta en marcha do proxecto "Entre Arcos e Cantís". O obxectivo principal é potenciar o ecoturismo no litoral así coma o seu valor patrimonial e ecolóxico.

O proxecto Entre Arcos e Cantís presentado en conxunto polos Concellos de Ribadeo, Burela e Cedeira  ao Grupo de Acción Local do sector pesqueiro A Mariña-Ortegal, vén de obter unha subvención por un importe de 118.991 euros o que representa case o 80% do orzamento solicitado (149.808 euros).

Os Concellos conscientes da importancia do traballo en rede e da necesidade de establecer estratexias conxuntas presentaron este proxecto que emprega como fío condutor a riqueza xeoturística e patrimonial, presente nestes tres Concellos costeiros e que persegue conciliar a conservación e preservación do patrimonio natural fomentando o ecoturismo e a dinamización económica local.

Todas as medidas e accións que se inclúen no proxecto están orientadas a aproveitar as sinerxias da riqueza do patrimonio xeolóxico e paisaxístico presentes nos Concellos de Burela, Cedeira e Ribadeo cara á creación dunha  estratexia de turismo sostible e unha imaxe de marca do territorio da Mariña-Ortegal. Este territorio conta cunha riqueza xeolóxica salientable e excepcional; en Ribadeo destaca a presenza do maior conxunto de arcos rochosos da Península Ibérica, así como a superficie achairada rasa cantábrica os pregues tombados da zona de Piñeira ou os Ollos de Rinlo; no caso de Burela a agrupación de pregues mellor conservados e con maior interese científico e didáctico do territorio nacional e a ampla variedade de rochas (ígneas, metamórficas e sedimentarias) que fan deste Concello un referente xeolóxico tanto a nivel nacional como internacional. E Cedeira conta coa presenza, na Serra da Capelada, de materiais pouco habituais na superficie do noso planeta que permiten coñecer e saber como é o seu interior, ademais de atoparse elementos destacables como os cantís máis altos da Europa Continental ou a única praia con area negra non volcánica de toda a terra.

"Sen dubida algunha se trata duns recursos excepcionais capaces de crear novas alternativas sostibles no noso territorio e que compre se traballen conxuntamente baixo unha estratexia común", sinalan desde a Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo.

O proxecto contén a posta en marcha de toda unha serie de actividades entre as que destacan o inventario do patrimonio natural e guía xeolóxica da zona, a creación dunha plataforma web que porá en valor tanto a xeodiversidade como outros recursos patrimoniais, alternativas de aloxamento, ocio ou restauración.

Tamén forman parte das actividades a realizar a creación de itinerarios xeolóxicos interpretados, as xeorutas, que son a primeira actividade xa posta en marcha en Cedeira e Burela este pasado verán, mentres que en Ribadeo xa levan tempo executándose. Así mesmo tamén contempla a creación dunha aplicación móbil que incluirá os itinerarios xeolóxicos ou o establecemento de programas de formación e educación medioambiental dirixidos aos centros educativos.

"O obxectivo principal do proxecto é potenciar o ecoturismo mediante os valores turísticos asociados á paisaxe litoral e ao seu valor ecolóxico e patrimonial, capaz de crear novas alternativas económicas locais conciliando o desenvolvemento sostible do territorio. En todos os Concellos se establecerán actuacións paralelas que incorporen elementos de reforzo para a conservación e protección do espazo xa que todas as actividades a realizar son compatibles coa protección e conservación do medio", engaden.

Compartir: