Facer

BARCIA DIXO QUE RIBADEO É UN CONCELLO AGRADABLE PARA GOZAR

Recepción no Concello

15-10-2016

Recepción no Concello

O alcalde, Fernando Suárez, deu a benvida aos participantes no congreso de psicoloxía dos colexios de Galicia e Asturias, que hoxe ten lugar en Ribadeo. No acto celebrado este mediodía na Casa do Concello, o rexedor salientou as posibilidades da vila para a celebración deste tipo de encontros profesionais.

Suárez Barcia deu a benvida aos congresistas "con ánimo absolutamente positivo e agradecéndovos que tiverades en conta Ribadeo para facer este encontro de psicoloxía dos colexios profesionais de Galicia e Asturias. Quérovos dar a benvida a Ribadeo e aquí á Casa do Concello, e para nós é unha honra que escollerades Ribadeo como lugar supoño que de reciclaxe, de actualización de coñecementos e de intercambio de experiencias".

O alcalde salientou que "Ribadeo para estes encontros, témolos feito habitualmente de pediatras, de cardiólogos… que sempre escollen Ribadeo porque é un lugar agradable para compartir coñecementos, pero tamén para que despois toda esta xente o pase ben, que coma polos restaurantes da vila e que poida gozar deste concello moi humilde, pero no que temos algo de vida".

Fernando Suárez indicou que "estamos razoablemente ben comunicados con Asturias e Galicia, pero seguimos estando certamente un pouco distantes de todo, e por iso a historia fíxonos ser un pouco autónomos, autosuficientes, temos en pequeno pero un pouquiño de todo. Para moita xente que non o coñece cando ven a Ribadeo gústalle este concello".

O rexedor de Ribadeo dirixiuse finalmente aos asistentes insistindo en "darvos a benvida ao Concello e no que vos poidamos axudar aquí estamos desde o Concello de Ribadeo, desde as compañeiras miñas de turismo, e para o que queirades".

En Ribadeo celébrase hoxe esta xuntanza de psicólogos de Galicia e de Asturias que participaron durante a mañá no Encontro interterritorial galego-asturiano: retos da psicoloxía no actual contexto socioeconómico; repensando a profesión na sociedade

E pola tarde asistirán a unha charla-coloquio de Francisco Javier Aznar Alarcón e despois acudirán a unha visita guiada pola vila de Ribadeo.

A xornada rematará cunha cea na que farán entrega do Premio Dolores Llópiz 2016 á Rede Galega de Loita contra a Pobreza e tamén entregarán recoñecementos aos colexiados e colexiadas que cumpren 25 anos de colexiación.

Os Decanos dos Colexios de Psicólogos do Principado de Asturias e de Galicia déronlle ás grazas ao alcalde, Fernando Suárez, pola acollida que lles está a brindar Ribadeo.

Compartir: