Facer

APOSTAN POLA POSTA EN MARCHA DO PLAN ESPECIAL DAS CATEDRAIS

Verán histórico

03-09-2016

Verán histórico

Arredor de 62.000 persoas pasaron polas oficinas de turismo de Ribadeo e das Catedrais ao longo do que vai deste verán. Os datos deunos a coñecer a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, que subliña que foi un "verán histórico" o de 2016. A edil indicou que esta é unha pequena porcentaxe dos milleiros de persoas que cada ano se achegan a Ribadeo. 

Martínez dio que "estamos diante dun verán histórico, cuns datos magníficos, no que moitos hoteis tiveron colgado o cartel de completo durante moitos días do mes de agosto, o tempo en toda a zona acompañou e iso axudou a que as estancias fosen mais longas. Puidemos ver como Ribadeo estivo a tope durante todo o verán, foron máis os visitantes que chegaron ao noso Concello".

Para a concelleira de Turismo "día tras día Ribadeo se posiciona como conxunto, xa non é só a praia das Catedrais, que tamén, senón que Ribadeo toma forza como ese destino con valor propio e imos conseguindo pouco a pouco que esa grande afluencia de turismo que chega ás praias das Catedrais tamén derive en certa medida cara a vila".

A edil nacionalista tivo palabras de agradecemento para os traballadores municipais e tamén para o sector hostaleiro e comercial: "hai que destacar o traballo de moita xente que está detrás destes resultados, aínda que  nalgúns momentos deste verán nos vimos saturados por esa grande afluencia de xente o esforzo dos operarios municipais de limpeza, de obras, de turismo, da Policía Local, técnicos de Cultura, de Deportes, etc… entre outros moitos, quero destacar o seu esforzo persoal e agradecérllelo publicamente porque axudaron a organizar e a resolver situacións derivadas desta grande afluencia de visitantes, sen que se producisen situacións graves. Agradecer tamén o traballo de comerciantes, hostaleiros e taxistas porque tamén son eles esa parte importante nese despegue e nese posicionamento turístico de Ribadeo. Son esa imaxe amable que moitos visitantes perciben e que desde logo tamén transmiten a súa imaxe de Ribadeo aos seus clientes, as turistas, aos seus amigos e familiares e iso fai que ano tras ano máis xente queira vir visitarnos". 

Ana Martínez deu a coñecer que "durante este verán preto de 62.000 visitantes foron os que solicitaron información nas oficinas de turismo municipais. Dicir que esta é unha porcentaxe da xente que se achega a Ribadeo porque non todos os visitantes solicitan información nas nosas oficinas, senón que tamén desde os propios hoteis, comercios e restaurantes se ofrece esa información. Durante o que vai deste 2016 estamos por riba das 75.000 solicitudes de información nas oficinas de Ribadeo. A procedencia destes visitantes fundamentalmente son madrileños seguidos de cataláns, vascos, andaluces e de Castela-León". E engadiu que "a maior porcentaxe durante o verán é de turismo nacional, falamos dun 84%, durante o mes de agosto foron preto de 36.000 solicitudes e durante o mes de xullo unhas 26.000 solicitudes. O número é tan importante que durante todo o verán contamos con seis técnicas de información turística a xornada completa máis un albergueiro, que este ano se encargou de atender os dous albergues municipais".

A concelleira de Turismo ribadense indicou que "a maioría é turismo nacional, pero tamén o turismo internacional se posiciona como visitante de Ribadeo. Falamos de moitas e moi diversas nacionalidades, chinos, xaponeses, coreanos, de América do Norte e do Sur, xente de Oceanía. Creo que Ribadeo a nivel internacional ten xa o seu propio peso específico e podemos confirmar que non soamente durante o verán senón que é máis marcada esa porcentaxe durante a primavera e o outono. Tamén suma a este turismo internacional a importancia do peirao de Ribadeo e segundo os datos que nos pasa o Real Club Náutico de Ribadeo soamente durante o mes de agosto transitaron polo noso porto 294 barcos, e tendo en conta que unha media de tres viaxeiros vai nos barcos tamén marca un número importante. As nacionalidades destes viaxeiros son franceses, ingleses e holandeses".

Ana Martínez tamén se referiu ao Camiño Norte: "importante tamén é o Camiño do Norte cos peregrinos que visitan Ribadeo practicamente durante todo o ano, aínda que máis concentrado nestas datas de verán. Somos esa porta de entrada a Galicia, creo que para moitos un referente de inicio de pouco máis de cen quilómetros cara a Santiago, non soamente somos ese punto de paso dos que fan o largo percorrido, senón tamén en moitas ocasións o punto de arranque de moitos peregrinos. Isto trae un gran número de viaxeiros, de peregrinos e de persoas estranxeiras. Durante o mes de agosto foron 1.005 os peregrinos que pernoitaron nos nosos albergues públicos".

Plan especial das Catedrais

"A praia das Catedrais segue a ser polo que atrae turismo, non só para Ribadeo, senón que para boa parte de Galicia e de Asturias. Durante case todo o mes de agosto o cupo dos pases de acceso estivo completo, e segundo informacións que nos pasaron moitos foron os días nos que entre 800 e 1.000 persoas tiveron que dar volta desde o propio areal por non poder ter ese permiso para acceder á praia das Catedrais e son 4.812 os que a diario poden pasar. O autobús que sae desde Ribadeo para ese areal tamén estivo completo case todos os días e algunhas xornadas houbo xente que tivo que quedar fora. Hai que recalcar a importancia de que as pernoctacións nos nosos hoteis e establecementos hostaleiros dan ese pase directo de acceso á praia das Catedrais e iso permite que en moitas ocasións sexan moitos os que decidan durmir en Ribadeo e quedar aquí para despois visitar o areal", relatou Martínez.  

A concelleira de Turismo pensa que "debemos ser coidadosos e seguir apostando como se fixo sempre, e penso que así debemos seguir desde o Concello de Ribadeo por un turismo sostible, e debemos entre todas e todos traballar para que ese Plan Especial de As Catedrais que se presenta desde o Concello se poida desenvolver canto antes. Creo que é fundamental e ademais moi importante regular ese espazo natural protexido, esa praia de As Catedrais con espazos adecuados para aparcamentos, zonas peonís que nos permitan pasear sen agredir excesivamente por riba dos cantís, espazos tamén de formación e de interpretación".

Ana Martínez manifestou que "debemos despois deste verán aproveitar e gozar dun xeito equilibrado deste marabilloso espazo natural que temos aquí no concello de Ribadeo ao tempo que tamén podemos con este plan especial xerar postos de traballo e riqueza local. Non soamente que isto teña un custe para Ribadeo, senón que tamén teña un retorno. Creo que debemos valoralo e durante este inverno traballar entre todos, Concello, Xunta e Deputación, para que este plan especial sexa pronto unha realidade".

A edil ribadense concluíu falando das Xeorutas: "temos o caso desde o Concello das xeorutas, un proxecto pioneiro do Concello de Ribadeo que busca informar e amosar á xente o valor natural e xeolóxico non soamente da praia de As Catedrais, senón de todo o que é a costa de Ribadeo. Aí é onde debemos traballar, temos que buscar ese turismo sostible que ademais deixe riqueza e que sexa un turismo atractivo. Seguiremos traballando dun xeito coordinado entre todos os axentes turísticos para que eses visitantes cada vez que veñan a Ribadeo poidan seguir recomendando Ribadeo aos seus amigos".    

Compartir: