Facer

O MATERIAL PODERÁ ENTREGARSE OS VENRES DE 11 A 13 HORAS

Emigración ribadense

07-06-2016

Emigración ribadense

O Consello da Cultura Galega, a través do Arquivo da Emigración Galega, e o Concello levarán adiante o proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega, que foi presentado este mediodía no salón de plenos. Todas aquelas persoas que teñan no seu haber material como fotos, pasaportes, cartas ou carnés poderán levalos á Oficina de Turismo para a súa dixitalización. O obxectivo pasa por "reconstruír a memoria colectiva da emigración ribadense".

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, dixo que "qué mellor ocasión que iniciar esta campaña, de carácter permanente, no marco da terceira edición do Ribadeo Indiano. Non cabe dúbida que as e os ribadenses que un día decidiron partir da terra serviron de referente identitario aos seus descendentes e ao propio lugar de orixe. Moitos deles foron axentes de transformación política, económica e cultural da vila".

A edil nacionalista sinalou que "non é moi difícil atopar a alguén entre nós que non teña un antepasado, un familiar, que emigrase a América. Cando falamos deste tema sempre fago alusión á miña referencia persoal, xa que eu coñecín a un bisavó que estivo en Cuba e iso me da sempre esa proximidade a todo este movemento indiano que estamos a desenvolver no concello de Ribadeo".

Ana Martínez subliñou que "un aspecto fundamental desta emigración foron os numerosos actos de filantropía e beneficencia que realizaron tanto estando aló, como unha vez retornados aquí. Temos claros exemplos como escolas, traídas de auga, a praza de abastos, redes de saneamento, o cemiterio da Devesa, etc. Son moitas as herdanzas dos indianos en Ribadeo, así como noutros concellos próximos tanto en Galicia, como en Asturias".

A concelleira de Desenvolvemento Local engadiu que "mais tamén é importante ese outro legado, que ás veces está en pequenas caixas ou en paquetes adormecidos, que están nos faiados ou nos armarios das nosas casas, e que recollen esas cartas, esas fotografías, esas vivencias, documentos singulares que son testemuño de primeira orden para moitos de sentimentos, de esperanzas, pero que tamén recollen non soamente o bo senón tristuras, decepcións e mesmo adeuses… Son casos de xente anónima que son fundamentais para entender a historia de Galicia e tamén a de Ribadeo".

Martínez dixo que "o que pretendemos é alcanzar varios obxectivos orientados á recuperación, preservación e salvagarda do patrimonio dos emigrantes galegos e dos seus familiares, no seus diferentes formatos: documentos, fotografías, películas, obxectos… Así chegaremos a ser depositarios de historias individuais de ribadenses que escolleron valentemente o camiño da emigración. O material que se recolla servirá para a investigación e difusión non comercial".

Todas aquelas persoas que conten con materiais referidos a emigración en Ribadeo poderán entregalos na Oficina de Turismo os venres de 11 a 13 horas. Todo será custodiado para a súa dixitalización polos técnicos de Cultura e Turismo, que despois devolverán aos seus propietarios o material facilitado así coma unha copia dixital dos fondos, para que os conserve e poida, pola súa vez, difundilos entre os seus achegados. Entre o material que a cidadanía poderá aportar figuran imaxes que recreen as viaxes: fotos das saídas ou embarques, durante a viaxe e da chegada ao país de destino; documentos como pasaportes, carteiras de identidade de emigrante, licencias para emigrar, cédulas do país de acollida, expedientes de matrimonio, carnés de asociacións galegas ou españolas e revistas destas; fotografías nos lugares de residencia ou traballo durante os anos da emigración, contratos laborais, imaxes do tempo de lecer, cartas a familiares e amigos; fotografías tras o regreso a Galicia e libros relacionadas coa emigración

O xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, que tamén é membro da comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega, sinalou que "soamente sumando esforzos é cando estas campañas de recollida documental poden ter éxito. No Consello da Cultura no ano 1992 creamos o arquivo da emigración galega que estivo centrado principalmente en recuperar documentación que estaba fora de Galicia. Principalmente nas sociedades de emigrantes tanto en Cuba como en Arxentina, en Montevideo, Brasil e Venezuela.Tamén parte da documentación que había nalgunhas sociedades creadas polos emigrantes como poden ser as escolas de emigrantes do que bo exemplo son os concellos da Mariña oriental e especialmente o concello de Ribadeo, onde hai diferentes edificios como a Escola Pedro Murias de capacitación agraria, creada por un emigrante en Cuba e que marca un punto de ruptura con respecto a outros modelos educativos".

Marcelino Fernández manifestou: "para nós é un pracer colaborar de novo con Ribadeo e hai un interese principalmente por recuperar esa memoria colectiva e anónima dos emigrantes. Porque Galicia non se pode entender sen emigración, a historia contemporánea de Galicia non se pode entender sen a presenza de emigrantes tanto desde un punto de vista identitario, pero tamén desde un punto de vista económico e social”. E animou ao pobo de Ribadeo e ao Concello a que faga aquí este traballo que pode ser extensivo non sei si é posible a toda A Mariña oriental e a zona limítrofe de Asturias, porque os emigrantes tampouco viñan solo dun concello senón que eran dunha comarca".

O libreiro Pablo Rodríguez (Vivín) foi o primeiro en entregar xa hoxe material para a súa catalogación por parte do Concello e do Consello da Cultura Galega: "desde aquí o agradecemento a Vivín e a unha ribadense que hoxe está en Bos Aires que é Silvia Pulpeiro, filla de Eliseo Pulpeiro un intelectual radicado en Bos Aires desde o anos vinte e que creou unha revista moi importante para a emigración como foi a revista Céltiga", engadiu o xerente do Consello da Cultura Galega.

Pilar Cagiao, tamén membro da Comisión Técnica do Arquivo da Emigración Galega, sinalou que "cando desde hai moitos anos que levamos a cabo esta iniciativa, desde 1992, por parte do Arquivo da Emigración Galega que eu tiven ademais o pracer de dirixir durante un tempo, a pesar de que non é fácil nese sentido volvemos estar moi agradecidos ao Concello de Ribadeo, por facer un labor concertado e conveniado como o que aquí imos facer. Ao longo deste tempo recolleuse moita documentación de concellos galegos por outros medios, pero cando fomos mirar o que tiñamos de Ribadeo non tiñamos moito e non podemos permitir que isto continúe sendo así, que no Arquivo da Emigración Galega Ribadeo non estea representado como merece. Que o Ribadeo Indiano na súa terceira edición permita quentar os motores da actividade cultural do Concello implicando aos cidadáns parécenos que é unha oportunidade óptima que non se debe desperdiciar".

E pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, engadiu que "o proxecto que é ben sólido do Ribadeo Indiano está a estenderse por outro tipo de actividades culturais que se fan en Ribadeo. Nomeadamente nesta ocasión na Feira do Libro unha semana antes de que sexa o Ribadeo Indiano, imos presentar o libro editado por Pablo Vivín sobre Eliseo Pulpeiro e ao mesmo tempo inauguraremos unha exposición sobre a achega dos emigrantes ribadenses en América e que chegará ata a inauguración do Ribadeo Indiano. É importante que as diferentes actividades culturais, a cada cal máis potente, se vaian interrelacionando porque non deixa de ser tecido social, tecido económico e enriquecemento cultural para todo o concello. Vaise expandido a filosofía do Ribadeo Indiano e as súas diferentes actividades, e temos que lograr que vaian a máis".

Compartir: