Facer

Ruta dos Miradoiros

O Cargadoiro e Illa Pancha

O traxecto desta ruta transcorre por algúns dos espazos máis emblemáticos de Ribadeo. Seguindo o seu percorrido paséase polas rúas do centro histórico da vila, e permite gozar de paisaxes de extraordinaria beleza, tanto na ría como na costa.

Ten unha lonxitude de 11,5 quilómetros que poden percorrese a pé, en coche ou en bicicleta, xa que está pavimentada na súa totalidade. Ademais disto, non posúe moita dificultade polo que é accesible para todas as idades.

A ruta parte da Praza de España e continúa pola rúa Trinidade con dirección á Obispo Veres. Logo, á man dereita, atópase o miradoiro da Atalaia e a capela do mesmo nome, a máis antiga de Ribadeo.

Regresando pola mesma rúa baixase polas antigas escaleiras de Martínez para situarse na rúa Antonio Otero. Alternativamente, e sen tomar esas escaleiras, tamén se pode optar por descender pola rúa Amando Pérez en dirección á ría, seguir o paseo marítimo cara á esquerda polo porto deportivo de Porcillán e subir pola rúa Calvo Sotelo, que conduce directamente ao paseo do Faro.

Ría de Ribadeo

A través dun ascenso pouco pronunciado, chégase á rúa Viejo Pancho, dende onde é posible entrar na primeira calexa á man dereita ata acadar a rúa San Miguel. Posteriormente, séguese con dirección ao Cuartel Vello para desembocar na Rúa Calvo Sotelo.

Cruzándoa, atopamos o paseo do Faro, que se percorre seguindo o bordo da Ría de Ribadeo a través do que se poderá gozar dos seus tres miradoiros: a capela de San Miguel, que concede unha excelente vista sobre o porto deportivo; O Cargadoiro, antiga zona de carga de mineral de ferro e a illa Pancha, onde se sitúan os faros antigo e moderno de Ribadeo.

Unha vez acadada a illa Pancha, retornamos polo mesmo paseo do Faro en dirección Calvo Sotelo, para, ao final desta rúa, tomar á dereita a rúa San Roque e así poder observar os fermosos edificios burgueses inspirados na arquitectura indiana de principios do século XX.

Pasada a capela da Virxe do Camiño, a uns 100 metros comeza a sinalización do miradoiro de Santa Cruz, que se atopa a 2,5 km de distancia cara ao interior do municipio e á que se chega logo dun ascenso non demasiado pronunciado.

Miradoiro de Santa Cruz

Dende este miradoiro, e xa dende o camiño de acceso a el, pódese apreciar unha excelente panorámica do conxunto da ría de Ribadeo.


Ligazóns

Descargas

Compartir: