Facer

Ruta Ribadeo Intramuros

A Muralla defendeu o núcleo urbano ata tempos relativamente recentes e aínda hoxe poden encontrarse algúns restos incorporados ás construcións na Rúa da Muralla. Realizada en cantaría pequena, protexía boa parte da poboación e tiña na fortaleza o seu último reduto defensivo. A súa entrada principal estaba na actual Praza do Campo. No século XVI existían 6 portas: a da Auga, a da Vila, a da Pena, a de Guimarán, a de San Domingos e a de Cabanela.

Características da Ruta

  • Tempo do percorrido: Aproximadamente 45 min
  • Dificultade: fácil
  • Modalidade: A pé 
  • Observacións: Inclúe tramos con escaleiras. Ruta de gran beleza nocturna.

Torre dos Moreno – A Antiga Fortaleza

Torre dos Moreno

Onde na actualidade se ubica o emblemático edificio da Torre dos Moreno ubicábase a Fortaleza , onde arrancaba a muralla e tiña un postigo a poucos pasos.

Rúa Ibáñez

A muralla ascendía en liña recta desde Cabanela polos solares que hoxe ocupan as casas da rúa Ibáñez. Sobre esta pasaxe construiuse un camiño almenado que comunicaba a fortaleza coa aldea de Cabanela. Ao principio da rúa cuxo nome actual é Méndez San Julián (denominada anteriormente rúa  Travesa e posteriormente rúa do Correo), abríase a Porta Cabanela, chamada tamén Porta  do Canónigo.

Esta rúa homenaxea a D. Antonio Raimundo Ibáñez, fundador do complexo siderúrxico de Sargadelos. Sobre as vivendas que hoxe ocupan esta rúa baixaba o muro da muralla medieval. Hoxe alternan vivendas tradicionais (dos s. XVIII e XIX) con outras máis modernas. Ao fin da rúa encóntranse a antiga capela e o colexio do Sagrado Corazón, fundado en 1918, promovido polo bispo Juan José Solís e encomendado ás Hijas de la Caridad de San Vicente de Paul. Esta institución ocupou o pazo contiguo, do século XVIII e propiedade da familia Rego Mastache, ata 1967 cando se trasladou a outras instalacións.

Cabanela

Xunto con Porcillán, deu orixe á actual vila de Ribadeo. A pesar da súa antigüidade, Cabanela foi durante moito tempo un "arrabal" da vila, pois quedaba fora de súa muralla. Durante séculos foi unha vila a camiño entre o rural (hai noticias medievais sobre agros e viñedos) e o mariñero.

Porcillán

Neste lugar atopábase a porta de Santo Domingo, chamada así pola lenda que relata que por alí pasara este santo cando se embarcou no porto de Ribadeo para emprender a cruzada contra los albigenses que dictó o Papa Inocencio II.

Rúa Viejo Pancho

Casa Viejo Pancho

Esta rúa, na que aínda quedan boas mostras da arquitectura ribadense, homenaxea ó escritor José María Alonso Trelles y Jarén, natural de Ribadeo e coñecido polo pseudónimo de “El Viejo Pancho”. Este é o último tramo dunha vía de orixe medieval que saía do porto de Porcillán e desembocaba na Porta da Auga , situada nas rúas Viejo Pancho e Antonio Otero.

Rúa San Miguel

Esta antiga vía rodeaba parcialmente a muralla con destino á capela de San Miguel, situada á entrada do porto. O seu trazado sinuoso e algunhas das súas casas revelan a súa antigüidade. Na metade do seu percorrido destacan as vivendas de planta baixa, construídas xa no século XX, como unha reinterpretación da casa típica das aldeas galegas ata tempos relativamente recentes. Ao fondo, fronte ao Cuartel Vello, álzase un magnífico exemplo de hórreo tipo Mondoñedo

Ligazóns

Compartir: