Facer

Ruta Ribadeo Antigo

O plano medieval de Ribadeo ten o seu eixe central na rúa dos Ares (hoxe eixe das rúas Antonio Otero-Viejo Pacho) que unía o porto de Porcillán coa porta da muralla que daba á Praza de España. Nela confluían o resto de rúas, xa que a poboación só contaba con dous accesos á ría: a través desta rúa a Porcillán e a través da rúa Ibáñez para a Cabanela.

Desenvolveuse un segundo eixe, paralelo ó anterior, o da rúa Amando Pérez. Aquí construíron as súas casas ricas fidalgos e comerciantes que convivían con mariñeiros e artesáns. O resultado é un conxunto urbano diversificado que combina pazos urbanos con sinxelas construcións.

Características da Ruta

  • Tempo do percorrido: Aproximadamente 30 min
  • Dificultade: Fácil
  • Modalidade: A pé 
  • Observacións: Tramos con escaleiras
  • Saída: Pazo Ibañez (Praza de España)
  • Chegada: A Cabanela

Pazo Ibañez / Casa de Arriba

Este pazo foi construído a finais do século XVIII por D. Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, asturiano de orixe e ribadense de adopción. A residencia incluía un recinto con horta e xardín, hoxe desaparecido, e que a imaxinación popular poboou de túneles e tesouros agochados. Este edificio neoclásico ofrece unha fachada elegante, con fino traballo de ferro nos seus balcóns. D. Antonio Casas mercou a residencia e converteuna en sede da poderosa Casa de Arriba e do Banco Casas, quebrado na década de 1930. Na actualidade acolle ao goberno do municipio, cuxas armas presiden a fachada.

Casas Fidalgas na Praza de España

Praza de España

A confluencia da rúa Amando Pérez coa Praza de España acolle dous edificios singulares. O primeiro deles é un vello caserón que conserva os antigos soportais; o outro, unha vivenda fidalga (s. XVII-XVIII) coas armas dos Méndez-Navia e Villaamil. Os soportais permitían gañar metros nas plantas altas mentres ofrecían ós viandantes protección fronte ó frío, a choiva ou o sol. Eran moi comúns, aínda que non todos os municipios os aceptaron de boa gana e foron desaparecendo. Unha descrición do Ribadeo de principios do século XIX confirma que estaban moi estendidos polo trazado urbano e moitos perduraron ata o século XX.

Rúa Amando Pérez

Esta rúa, chamada noutro tempo Rúa Grande, Rúa Maior e Rúa da Paz, foi durante o século XVIII a principal vía da vila, aínda que aparece xa en documentos medievais. Conserva un bo número de vivendas tradicionais, tanto humildes e de planta baixa, como outras de maior empaque. A máis destacable é o pazo que pertenceu aos Miranda e que loce as súas armas. O seu primeiro propietario foi D. Pedro de Miranda Osorio, cabaleiro de Santiago, que se enriqueceu no século XVIII co comercio de madeiras.

Rúa Enxeñeiro Schulz

Noutro tempo esta rúa chamouse Rúa do Vilar, aínda que na actualidade homenaxea a Guillermo Schulz (1805-1877), enxeñeiro alemán que exerceu como inspector de minas de Galicia e Asturias, residiu en Ribadeo e chegou a ser un de maiores especialistas hispánicos en xeoloxía e minería.

O patín e a biblioteca “Viejo Pancho”

Biblioteca

Xirando á dereita desde Enxeñeiro Schulz e continuando recto chegaremos a este sobrio patio, onde atopamos o que posiblemente é o edificio civil máis antigo de Ribadeo, quizá de orixe medieval. Actualmente amosase bastante alterado despois dunha ampliación no século XVIII. Xa no século XX perdeu o seu elemento máis orixinal, a escalinata e o patín que daban acceso á planta alta, substituidos pola actual balconada e pórtico de soporte.

A biblioteca Municipal “El Viejo Pancho” recibe o seu nome do escritor José Mª Alonso Trelles nacido en Ribadeo e emigrado a Arxentina e Uruguay, considerado un dos escritores máis representativos das letras uruguaias.

Esta edificio albergou a sede da antiga Escola de Náutica e Comercio que reflicte a gran importancia na economia da vila durante o século XIX das navieiras, transporte e intercambios  marítimos. A Escola comezou a funcionar en 1844 e deixou de ser oficial en 1875.

Praza dos Catro Canos

Tras deixar atrás o patín, na primeiro rúa á dereita atopamos, sen dúbida, un dos recunchos con maior encanto da vila. Parece que o tempo se detivo nesta praza conformada por vivendas tradicionais, en cuxo centro se atopa unha antiga fonte datada en 1849.

Rúa Bispo Veres e Casa de Abaixo

Baixando dende a Praza dos Catro Canos á esquerda, atoparemos esta rúa, que toma o seu nome de Laureano Veres Acebedo (1841-1920), xesuíta ribadense bispo titular de Nissa, famoso predicador en terras mexicanas. Aquí encóntranse algúns dos pazos fidalgos máis sinalados de Ribadeo:

  • ó comezo da rúa, baixando as escaleiras, a antiga Casa de Abaixo, solar dunha das familias máis sobresalientes do Ribadeo do s. XIX, e hoxe capela de San Francisco de Asís (fundada en 1870);
  • camiño da Atalaia, nos nº 6-8, outro caserón de corte barroco con balcóns de forxa e almofadado de cantería nas esquinas;
  • no nº 3, o pazo que pertenceu ós Valledor;
  • case na Atalaia, a Casa do Prelo, liñaxe de orixe asturiana.

Capela de Atalaia

Capela de Atalaia

Sitúase sobre un promontorio que domina visualmente a entrada da ría, onde xa en tempos medievais houbo un punto de vixilancia que guiaba tamén de noite as navegantes mediante fogueiras. No século XVI esta instalación foi substituída polo actual baluarte que conserva as culebrinas para a defensa do porto de corsarios e armadas desamigas. A capela, consagrada á Santísima Trindade, é unha das construcións máis antigas de Ribadeo. Conserva a portada do século XIV, relacionada coa de Santa María do Campo, e tres retablos no seu interior, un deles procedente da colexiata de Santa María.

A Antiga Alfándega

A apertura do porto de Ribadeo ó comercio nacional, primeiro, e internacional, despois (s. XIX), provocou a instalación dun posto de alfándegas para fiscalizar e controlar o tráfico de mercadorías. Este caserón, noutro tempo situado á beira do mar, cumpriu durante anos esta función, albergando as dependencias dos oficiais e os almacéns. O edificio levantouse como vivenda particular construída en 1726 por D. Carlos Acevedo Pardo. Trátase dunha obra señorial, cunha fermosa fachada barroca e unha torre monumental rematada nun magnífico corredor.

O porto de Porcillán

Porto de Ribadeo

O porto de Porcillán encarna o pasado e o futuro de Ribadeo, xa que acolle a tradicional actividade pesqueira xunto coa moderna economía de servizos que ofrecen o turismo e os deportes náuticos. Na praia situada na parte máis próxima ao núcleo urbano tivo a súa orixe Ribadeo. Arredor dela, a aldea de pescadores converteuse en núcleo comercial. O primitivo peirao foi medrando a partir do século XIX ao ritmo da poboación e das súas necesidades. Ata aquí chegaban as barcas que cruzaban desde Asturias, como lembra o indicador xacobeo. En Porcillán atópase a Porta de Santo Domingo, chamada así pola lenda que conta que por aquel lugar pasara este santo cando se embarcou no porto de Ribadeo para emprender a cruzada contra os albigenses que dictó o Papa Inoncencio III.

A Cabanela

Este é un dos núcleos que, con Porcillán, deron orixe a vila de Ribadeo. Pese a súa antigüidade, Cabanela foi durante moito tempo un arrabal da poboación, ao quedar fora da muralla, un espazo a  medio camiño entre o rural e mariñeiro ao ser un dos fondeaderos da vila.

Ligazóns

Compartir: