Ver

Os Castros

Os Castros

Un castro é un tipo de poboado fortificado da época prerromana. Estaba  formado xeralmente por construcións de planta circular protexidas por un ou varios foxos e murallas que rodeaban o recinto habitado.  

Normalmente, estos asentamentos establecíanse en lugares estratéxicos e con espectaculares vistas. Un claro exemplo disto é Ribadeo, concello no que se  atopan numerosos  castros.

Castro de Fornelo (Piñeira)

Trátase dun "castro litoral" que está situado a dous km do Castro das Grovas, na costa e no istmo que conecta a punta Marian coa rasa mariña na parroquia de Piñeira. A proximidade entre estes dous fainos pensar nunha posible existencia de comunicación  e convivencia entre ambos asentamentos .

Ten unha extensión de 1,75 Ha. e entre as súas estruturas defensivas atopamos un parapeto de 5,20 metros de altura, un foxo situado na parte oeste e outros tres na parte leste.

Castro das Grovas (Vilaselán)

Diadema de Ribadeo

O castro das Grovas, sito no lugar coñecido como O Morgullón, na parroquia de  Vilaselán, é un xacemento de gran importancia tanto por la súa extensión (2,5Ha) como pola cantidade de restos arqueolóxicos atopados nel. Trátase dun castro, pola súa ubicación, de tipo litoral.

Entre os elementos de defensa e protección atopamos tres foxos paralelos e separados por parapetos. Un dos foxos está escavado na rocha e os outros dous rematan en cantís. A coroa deste castro está definida por terrapléns.

Neste castro foi atopada a famosa Diadema de Ribadeo, unha peza de gran importante na orfebrería castreña.

DIADEMA DE RIBADEO

A diadema de Ribadeo está considerada coma o resto arqueolóxico peninsular máis importante de xoiería da época dos castros. Crese que puido pertencer a unha dama ribadense do século V ou VI. Trátase dunha xoia de ouro, unha ancha lámina rectangular dividida en dúas franxas horizontais, na que aparecen gravados guerreiros armados a pé e a cabalo. Probablemente fose usada para cinguir a roupa ou como adorno para o cabelo.

Existen tres fragmentos localizados desta peza, que se conservan por separado: no Museo Arqueológico Nacional de Madrid , no Instituto de Valencia de Don Juan e no Museo Saint Germain-en-Laye de París.

Castro de Meirengos (A Devesa)

Este é outro dos “castros costeiros” ou "castros litoral" de Ribadeo e está situado na parroquia de Devesa. Ten unha superficie de 1Ha. e trátase dun castro de forma ovalada e irregular debido á adaptación á morfoloxía do terreo. Consta de tres foxos na parte occidental, un parapeto na parte oriental e a coroa está situada nun terraplén reforzado por un muro exterior.

Castro das Cárcovas (Ove)

Está situado na parroquia de Ove e debido á súa ubicación na ladeira da montaña  pertence aos denominados “castros de ladeira” . Consta dun extenso recinto principal dun terraplén ao noroeste e ao sudoeste de varias estruturas defensivas. A súa coroa está defendida por dous parapetos e dous foxos.

O seu nome fai referencia directa á súa forma, un contorno rodeado de carcovas, zanxas ou foxos excavados en pedra para a defensa do castro. Cabe destacar a beleza e excepcionalidade da vista panorámica que desde alí se ofrece.

Castro da Pumarega (As Anzas)

Trátase doutro “castro de ladeira” e está situado no lugar de Salcedo en Santalla. Cunha superficie de 1Ha., consta de dous foxos na parte sur e a súa coroa está defendida por un parapeto ao sur. A súa estrutura defensiva complétase ao norte, nordeste e noroeste con dous parapetos concéntricos. Pola zona sur pódense apreciar restos de casas circulares.

Castro da Torre (Vilausende)

Trátase dun castro de interior  de morfoloxía ovalar , e pola súa ubicación, no cume dun outeiro, correspóndese c os denominados “castros de outeiro”. Cunha superficie de 5,5Ha , é o de maior tamaño dos catros do  concello de Ribadeo. Consta  de varios foxos, terrapléns e paramentos como estruturas de protección e defensa.  Os arqueólogos datan a súa  fase de construción na Idade do Bronce Final (S. VIa.C). polo que se trataría tamén do máis antigo de todos os do concello.

Castro da Aira da Croa (Arante)

Este é outro castro de interios, dos chamados “castro de ladeira” e está situado na falda do monte da Rebolada, que separa as parroquias de Arante e de Vidal. Ten forma ovalar  e unha superficie dunhas  0´4 Ha. Consta dun parapeto na súa parte máis alta e un foxo que rodea practicamente todo o seu perímetro.

Castro da praia dos Castros

Trátase dun xacemento situado na parroquia de Devesa. Ao sur ten un parapeto de tres metros de altura como estrutura de protección  e ao norte e ao oeste a súa defensa natural é o cantil. Fora deste recinto atopáronse fragmentos doutros parapetos e diversos materiais (cerámica romana, moedas romanas, sepulturas…).

Compartir: