Facer

7. Beirarrúa dereita da rúa San Roque

Casa da Axudantía

Casa da Axudantía

[no número 12]
Este edifico foi mandado construír en 1886 por Francisco López García e o seu nome obedece a que durante varios decenios acolleu a Axudantía da Comandancia de Mariña. Actualmente, alberga tres vivendas, pero o inmoble foi concibido como residencia unifamiliar. Na planta baixa, o elemento máis destacable son dúas lixeiras columnas de fundición que soportan a pétrea soleira do balcón do nivel superior, que é de fina reixería e portas de madeira recercadas cunha sobria moldura. A ambo lados, hai cadanseu miradoiro metálico. O edificio demostra a puxanza do ferro como solución decorativa e a arte da ferraría, en competencia coa ebanistaría.

Vivenda de dona Esperanza Leiras

Vivenda de dona Esperanza Leiras

[no número 14]
A promotora, Esperanza Leiras e López, ordenou a súa edificación en 1886. O inmoble presenta dous elementos moi característicos da arquitectura indiana: o soportal, que avanza e protexe a entrada principal (moi común na casas indianas), e o gurugú ou miradoiro acritalar que coroa o tellado e ao que se afeccionaron numerosos comerciantes ribadenses dos séculos XVIII e XIX.

Vivenda de dona Ascensión Pillado

[no número 16]
Foi custeada por Ascensión Pillado e Pedrosa, en 1888. A fachada remite aos pazos urbanos do casco histórico porque, ao igual que neles, está inspirado na arquitectura tradicional galega: xogos de simetría con balcóns e ventás, marcos de cantería de granito, cornixa finamente labrada, ou a existencia das chamadas "portas de aire" (balcóns a rentes de fachada). Non obstante, o fermoso traballo de forxa, coas súas formas intricadas e elegantes, advirte de que a súa dona non era allea ás tendencias artísticas do momento.

Casa dos Andés

[no número 18]
É un exemplo paradigmático de arquitectura ecléctica, pois funde elementos procedentes de diversos estilos. Foi construída en 1920. O elemento máis significativo desta elegante vivenda é a implementación de ferro forxado e vidro, que se complementan para dar forma a dous miradoiros ou galerías.

Compartir: