Facer

8. Beirarrúa esquerda da rúa San Roque

Casa da Calzada

Casa da Calzada

Esta vivenda, con aires de vila urbana, foi construída en 1910 por orde da familia Lanza. A estrutura e decoración remiten a unha arquitectura ecléctica, con elementos de moi diversa procedencia, na que destaca a ornamentación modernista: formas curvas e finos traballos de forxa en ventás e balcóns. A torre, destinada a mostrar a posición social dos propietarios, o xogo de formas da fachada e o xardín revelan a influencia dos chalés de factura francesa, tan frecuentes nas capitais europeas e por extensión, nas americanas.

No interior da vivenda utilizouse con profusión a madeira, tanto para forxados e a estrutura dos teitos coma nos zócolos de varias estanzas, ademais de que enluciron con morteiro de xeso a maioría dos tabiques de barrotillo.

Casa dos Enanos

Casa dos Enanos

Foi levantada por iniciativa de Antonio Fernández, emigrado á Arxentina e máis coñecido en Ribadeo como Antonio de los Enanos. Este inmoble é un exemplo típico de construción inspirada en elementos autóctonos, reflectidos, por exemplo, na torre cadrada que recorda á dos pazos e na sobriedade decorativa. Non obstante, incorpora formas e tendencias modernas, como son o xardín ou a apertura cara ao exterior con grandes ventás e balcóns.

Os pináculos da torre, os fortes aleiros existentes no inmoble, o emprego do cemento nos balcóns, o aspecto de solidez que lle outorgan o uso de volumes octoédricos, o zócolo de cadeirado, a ausencia de curvas, a sobriedade das cores e outros detalles contribúen a demostrar o éxito, o poder, a seguridade e a estabilidade económica que numerosos indianos querían deixar patente coas súas casas.

Casa Rosa

Casa Rosa

Este inmoble, que foi incluído en numerosas ocasións e por variosa autores na chamada arquitectura indiana, non forma parte dela, pois en realidade se trata dun edificio de estilo modernista, cuxa decoración é un canto á natureza, como indican as formas redondeadas das varandas e a elegante cúpula.












Compartir: