Santuario da Nosa Señora das Virtudes

Atópase no lugar da Ponte (Arante) ao lado do Camiño Norte de Santiago, antigo Camiño Real. Trátase dun santuario moi venerado e visitado polos fieis debido á fama de milagreira da súa virxe. A orixe deste templo data de finais do século XIV, aínda que foi reformado nos séculos posteriores.
Este santuario é unha construción dunha soa nave con tellado a dúas augas, arco triunfal oxival e presbiterio con armadura interior de madeira, ao igual que a nave.
Presenta frontis con portada en arco, espadana de dous vans e dúas portas nun dos seus laterais.
No presbiterio consérvanse pegadas do arranque da bóveda.
No altar consérvase un retablo Renacentista con imaxes de Nosa Señora das Virtudes e un Santiago Matamouros. O retablo maior é barroco e os seus muros gardan un singular exvoto pintado que relata a intervención milagrosa da Virxe a favor do navío Santa Catalina, en 1595.

Este templo conserva un rico patrimonio en pinturas murais tardo- medieval.
A ornamentación pictórica levouse a cabo mediante a técnica do fresco.
Na década de 1970 quedou ao descuberto un magnífico conxunto de pinturas murais.
Na ábsida da capela localízanse, no muro sur, varias escenas da infancia de Cristo: a matanza dos inocentes , a fuxida a Exipto….
Na parte interna da pilastra que sostén o arco triunfal, polo lado sur, un home rico.
Fronte á figura da riqueza, na pilastra do muro norte, un esqueleto, parece representar a Morte viva.
No muro norte aparece tamén un trio mariano, Asunción, Coroación de María e o Descendemento.
Por último destacar as pinturas que hai no muro sur que fan alusión ao mar, un naufraxio, era un exvoto (ofrenda en recordo dun ben recibido) que data do 1606.
A finais de maio, sete semanas despois da Semana Santa, ten lugar aquí a popular romaría das Cruces. Xente con cruces en pendóns procedente das parroquias ribadenses de Ove, Covelas, Cedofeita e Arante e das de Sante, A Balboa e Vidal (Trabada) ondean os pendóns conmemorando a victoria inicial das xentes do lugar contra as tropas napoleónicas do xeneral francés M. FranÇois Fournier durante a Guerra da Independencia.